sábado, 22 de decembro de 2018

xoves, 13 de decembro de 2018

NOVAMENTE PREMIADOS NO CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS!!


E de novo vese recompensado o esforzo e o traballo adicado ao Proxecto Documental Integrado do noso centro do curso pasado "Experimento VI: Ciencia e tecnoloxía". A Consellería acaba de publicar a resolución do V Concurso de traballos por proxectos no que estamos premiados. No blog de Bibliotecas Escolares de Galicia podedes ver os enlaces de todos os proxectos seleccionados, entre eles a memoria presentada ao concurso do noso.
Coma sempre invertiremos o premio en actualizar fondos informativos para a nosa biblioteca. Grazas á toda a comunidade educativa que participou e colaborou nesta nova forma de aprender. Isto danos máis forza e ánimo para seguir traballando na mesma liña. 

martes, 11 de decembro de 2018

EXPOSITOR DE NADAL

Ven buscar un conto para este Nadal, tes moitos onde escoller...
Recorda que publicamos todas as actividades que facemos na pestana  NADAL. Non deixes de botar unha ollada.

mércores, 5 de decembro de 2018

PROGRAMA AO TEU COLEGA!

O alumnado de 3º de Educación Primaria comenzou a programar na clase de Educación Física. Aproveitando unha das actividades previas á programación dos escornabots e dentro da unidade de EF sobre Orientación espacial fixeron o xogo: Programa ao teu colega!
Organizamos os nenos e nenas en parellas, un era o programador/a e o outro o robot. Cada programador debuxaba os símbolos na folla para que o robot os fixera coa única condición de saír dende o cono e chegar ao mesmo punto, sen saír do taboleiro formado polas colchonetas.
Despois o complicamos un pouquiño engadindo novos comandos: saltar, gatear, arrastrarse... 
E non pensedes que foi sinxelo... moitos se saíron do taboleiro, pero o pasaron xenial.


Máis información sobre este proxecto en : Biblioteca Creativa.

luns, 3 de decembro de 2018

PROXECTOS COMPARTIDOS

O alumnado de 4º de Educación Primaria está a traballar durante este curso nas áreas de aprendizaxe de Lingua Galega e Lingua Castelá cunha metodoloxía por proxectos onde cada equipo ten unha mochila con diferentes tarefas. Unha delas foi a lectura dun libro, a investigación e documentación posterior da biografía do autor/a , a gravación das biografías elaboradas e o uso da App Reveal para poñerlle as súas voces ao rostro do autor/a.
Despois de todo o proceso, nos deixaron dúas láminas nos ventanais da biblioteca para compartir o seu traballo con toda a comunidade educativa.
Só tes que pedir a tablet á responsable da biblioteca para velo tí mesmo/a.

Aquí vos deixamos a explicación do que tedes que facer.


3 de Decembro, Día das persoas discapacitadas

Novo expositor na entrada á biblioteca con libros e contos relacionados coa celebración do Día das persoas discapacitadas. Aproveitade esta selección especial con contos que chegan ao corazón. Máis recursos na pestana PERSOAS CON DISCAPACIDADE.

sábado, 1 de decembro de 2018

TEATRO NA BIBLIOTECA POLO 25 N

O venres 30 de Novembro celebramos na biblioteca a conmemoración do 25 de Novembro: Contra a violencia de xénero. 
O alumnado de Valores de 4º de Educación Primaria representou o conto titulado Que noxo! escrito pola mestra Laura Lorenzo para esta conmemoración e que ademais está relacionado coa temática do proxecto deste curso: A que sabe o mundo?
Eles e elas presentan, interpretan e explican o conto ao resto do alumnado do centro. 
Primeiro actuou o grupo de 4º B para os nenos de Ed. Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria e de seguido o grupo de 4º A para os maiores de 3º ata 6º de Educación Primaria.
Este segundo grupo tivo que facer modificacións de última hora porque faltaba unha alumna e adaptaron un pouco o conto. Deixámovos os vídeos para que vexades que artistas mais bos temos no cole. 


xoves, 29 de novembro de 2018

CREANDO XOGOS NOVOS PARA O ESCORNABOT

Trala segunda sesión de formación co profesorado sobre as aplicacións didácticas dos escornabot, o mestre Jacobo animou ao seu alumnado de 6º de Educación Primaria para crear xogos e deseñar plantillas para eles e para os máis pequenos. Están a facer un gran traballo. Grazas dende o Equipo de Biblioteca polo voso interese e colaboración no proxecto Biblioteca Creativa.

Preme na imaxe para ver Galería de fotos

mércores, 28 de novembro de 2018

NOVO PROGRAMA DE RADIO: A QUE SABE O MUNDO?

Durante os meses de Outubro e Novembro os nenos e nenas de todo o cole foron pasando polo estudio de radio para falarnos das actividades e investigacións que están a facer no proxecto documental: A QUE SABE O MUNDO? 
O alumnado de 6º de Ed. Primaria foi o encargado de editar e publicar o resultado final. Aquí está por fin o primeiro episodio deste novo programa. Non esquezades escoitarnos na nosa canle.

martes, 27 de novembro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS CON 2º


Hoxe fixemos unha sesión de formación de usuarios co alumnado de 2º Ed. Primaria. Co cartel da CDU (Clasificación Decimal Universal), unha caixa chea de libros e un escornabot aprenderon a programar o robot para que se desprace polo taboleiro, tamén aprenderon a colocar e a buscar libros na biblioteca. Marcharon moi contentos coas pegatinas que gañaron xogando. Se queres saber máis sobre esta actividade, preme na pestana de BIBLIOTECA CREATIVA.

luns, 26 de novembro de 2018

RECURSOS PARA TRABALLAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Expositor con libros e contos a vosa disposición para traballar contra a violencia de xénero. 
Máis recursos e actividades na pestana adicada a esta conmemoración: 25 N VIOLENCIA XÉNERO

venres, 23 de novembro de 2018

ACTIVIDADES NO TEMPO DE LECER

Parece que non pero o tempo de lecer na nosa biblioteca pasa voando. Aquí vos deixamos unha mostra das actividades que facemos, sobretodo, nestes días de choiva.
Préstamos de libros
Lecturas compartidas
Xadrez
Axudantes decorando
Xogando coa CDU e o escornabot
Xogando coas marionetas

xoves, 22 de novembro de 2018

FUNCIÓN TEATRO MUSICAL PAN DE MILLO


Hoxe fomos todo o cole dende Educación Infantil ata 6º de Primaria a ver a función do grupo Migallas titulada Pan de millo. A actuación tivo lugar na carpa-auditorio instalada no Corgo e xuntámonos con todos os nenos e nenas do CEIP Rosalía de Castro para compartir risas, cancións e aprender moito sobre o proceso de elaboración do pan de millo. Sen dúbida, unha das cancións que mellor sabían todos era Pan de millo que xa prepararan no cole.

mércores, 21 de novembro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS 4 ANOS

E por fin, despois de ter que aplazar en varias ocasións a data prevista, hoxe tivemos a primeira sesión de formación de usuarios co alumnado de 4 anos. Varios voluntarios de 6º de Primaria baixaron á clase de 5º de Infantil para ensinarlles a facer os marcalibros con material de refugallo.  Sorprendeunos o ben que despegan e pegan as pegatinas para decorar os seus marcalibros. Na vindeira sesión faremos uso deles na biblioteca. 
Preme aquí

luns, 19 de novembro de 2018

ESCORNABOT "ATOPA- LIBROS"

Comezamos a primeira toma de contacto co escornabot. O alumnado voluntario de biblioteca estivo no tempo de lecer a xogar co cartel da CDU (Clasificación Decimal Universal) que empregamos na biblioteca para a catalogación dos libros. Toda a información sobre este novo proxecto na pestana de BIBLIOTECA CREATIVA.

venres, 16 de novembro de 2018

RECURSOS DÍA DA INFANCIA

O expositor cos libros relacionados con dereitos dos nenos e das nenas xa está colocado diante do mostrador de préstamos. Colle o que necesites e pasa a rexistralo no ordenador. 
Máis recursos e actividades na pestana adicada a esta celebración: 20N INFANCIA.

Ademáis, xa temos todo preparado para participar na XV Edición da carreira "Quilómetros de solidariedade" da ONG Save the children. Se o tempo nolo permite o martes 20, ás 12.40, alumnado, mestres e familias correrán polo dereito de todos os nenos e nenas do mundo á educación.

xoves, 15 de novembro de 2018

Teatro de sombras, kamishibai e obras de teatro 4º

Cada quince días o alumnado de 4º invita a outro nivel educativo a ver as súas artistadas. Cada equipo prepara as súas obras de teatro de sombras, kamishibai e teatro creativo. Desta vez, os afortunados en ver as pequenas actuacións foron os máis pequenos do cole.
Preme na imaxe
Non deixes de seguir o seu blog de aula Conecta Cuarto.

mércores, 14 de novembro de 2018

CONTACONTOS POR UN DÍA

Solicitamos ás familias a súa colaboración para levar a cabo a actividade "CONTACONTOS POR UN DÍA" na semana do Samaín en Educación Infantil. 
Escolleron os libros e prepararon as súas actuacións. Hai que dicir que non tivemos tempo para que participaran todos os que querían pero de seguro que en breve organizaremos outro "Contacontos por un día". Grazas a todos e todas polo voso interese e colaboración.
Deixamos aquí o enlace á galería de fotos.
Preme na imaxe

SPACE MAKER 3º

Continuamos coas sesións de Space Maker en 3º de Educación Primaria. Hoxe tocou facer froitas con Lego para o proxecto  A que sabe o mundo?


Preme na imaxe


martes, 13 de novembro de 2018

MAGOSTO 2018

Celebramos o Magosto nun día espectacular de sol. Como todos os anos o alumnado trae das súas casas unhas bolsiñas con castañas xa amosegadas e o noso conserxe ocúpase de asalas nas primeiras horas da mañá.
Ao remate do tempo de lecer, comezamos coa degustación. Que ben olía e que ricas que estaban!

Despois comezamos cos xogos populares que este ano solicitamos ao Concello de O Grove. Podedes ver a galería de fotos premendo na imaxe.


luns, 12 de novembro de 2018

FORMACIÓN USUARIOS 5 ANOS

Galería de fotos aquí

Continuamos coas sesións de formación de usuarios. Desta vez foi o turno do alumnado de 6º de Educación Infantil. Repasamos as normas da biblio, o coidado dos libros e o uso do "marca-libros" que fixeran a finais do curso pasado con material de refugallo.


xoves, 8 de novembro de 2018

Space maker en Samaín

Preme na imaxe

Foron moitas as actividades que se fixeron polo Samaín, unha delas foi a 2ª sesión de Space maker con Lego en 3º de Educación Primaria. O reto que lles plantexamos desta vez foi a construcción de figuras relacionadas co Samaín.  Coa axuda dos ordenadores e das tablets conseguiron montar pantasmas, bruxas, cabazas e mesmo unha casa terrorífica.

mércores, 7 de novembro de 2018

EXPOSITOR MAGOSTO


Os axudantes de biblioteca prepararon e seleccionaron os libros relacionados co Magosto e o Outono. Non te demores máis e pasa pola biblioteca para escoller o teu libro favorito.
Podes atopar máis información na pestana adicada a esta celebración: MAGOSTO

martes, 6 de novembro de 2018

MONTANDO OS ESCORNABOTS


Na tarde do martes os mestres aprendemos a montar un escornabot. Que non sabedes o que é?
Pois a investigar.... na pestana adicada a este novo proxecto tedes toda a información: Proxecto Biblioteca Creativa


luns, 5 de novembro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS 3 ANOS

Preme na imaxe para ver a galería de fotos


Hoxe fixemos a 2ª sesión de formación de usuarios da biblioteca cos nenos e nenas máis pequenos do cole: os de 4º de Educación Infantil.
Na primeira sesión fixeran os "marca libros" con material de refugallo e hoxe tocou aprender a utilizalos na biblioteca. Fixérono moi ben. O próximo luns xa podedes empregalos soliñ@s.

mércores, 31 de outubro de 2018

A REBELIÓN DAS CABAZAS

As rapazas e os rapaces de 5º de Educación Primaria creamos con moito agarimo esta historia de medo para aterrarvos este Samaín. Continuará....

martes, 30 de outubro de 2018

Espectacular exposición de cabazas

Coma sempre as familias do noso cole son uns artistas decorando as cabazas para o Samaín. Este ano pedímoslles que as cabazas estiveran decoradas de acordo co noso proxecto A que sabe o mundo? e non nos defraudaron. Preme na imaxe para ver a galería de fotos. A ver se atopas a túa...

luns, 29 de outubro de 2018

"El pequeño vampiro" para Samaín

O clube de lectura de 6º de Educación Primaria acaba de comezar a seu primer libro de narrativa: "El pequeño vampiro". Que mellor momento que o Samaín para ler esta misteriosa lectura?
Podedes seguir todas as actividades do clube na pestana adicada a esta actividade.


Xogos dos aparellos do corpo humano

O alumnado de 6º A realizou estes xogos para estudar as diferentes partes dos aparellos do corpo humano. En breve, teredes oportunidade de xogar con eles na biblioteca. Buscádeos na sección de Ciencias Naturais. 





sábado, 27 de outubro de 2018

PREPARANDO O SAMAÍN


Os nosos axudantes de biblio prepararon o expositor para Samaín. Hai unha chea de libros agardando por ti. Nos andeis de cor verde (844) tedes moitos máis sobre misterios....

Non esquezades visitar a pestana SAMAÍN onde atoparedes libros, cancións, video-contos, debuxos, manualidades.... e todas as actividades que facemos no cole.
Preparados para pasar tres días de aténtico medo?

PROGRAMA DE ACTIVIDADES 

"Contacontos por un día". Como tódolos anos as mestras de Educación Infantil fan un chamamento ás familias para colaborar nesta actividade porque non hai maior ilusión que veña mamá, papá ou alguén da familia a lernos e contarnos contos e se son de medo.... mellor. Na porta de entrada ás aulas de Infantil tedes esta caixa chea de contos para escoller ou se queredes traer das vosas casas tamén podedes.



Creación de debuxos para Infantil e 1º,2º e 3º de Primaria e Creación de relatos para 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria. Nova actividade proposta dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Esperamos que haxa moita participación para encher as paredes cos vosos debuxos e relatos. Ademáis haberá algunha sorpresiña cos relatos mellor feitos. Non o imos desvelar aínda. 


Exposición de cabazas Este ano as cabazas serán expostas os días 29,30 e 31 de Outubro e estarán relacionadas co proxecto A que sabe o mundo?



venres, 26 de outubro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS 4-5 ANOS

Preme na imaxe para ver a galería de fotos
Outra das actividades programadas para celebrar o Día das bibliotecas no noso cole foi a sesión de Formación de usuarios para os nenos e nenas de 4 e 5 anos.
Fixeron o xogo do semáforo para aprender ben as normas da biblio, escoitaron un contacontos relacionado co coidado e reparación dos libros e por último fixeron un marcalibros chulísimo.

Esta actividade foi dirixida polas responsables da Biblioteca Municipal de O Grove, que como todos os anos veñen visitarnos. Dende o equipo de mestres queremos agradeceros a vosa colaboración.


Éxito total na Xornada de Portas Abertas!

O xoves día 25 de Outubro abrimos as portas do cole e da biblioteca á Comunidade Educativa para celebrar o Día das bibliotecas. Fixémolo ao grande, organizando a "Gynkana Bibliochef" na que participaron 24 familias chegadas de diferentes niveis, dende Ed. Infantil ata 6º de Ed. Primaria. 

Primeiro houbo unha presentación dos proxectos deste curso 18-19 na biblioteca: PDI A que sabe o mundo?, Proxecto Deportivo, Radio na biblio e a última novidade: Biblioteca Creativa que aínda está dando os seus primeiros pasos.

A continuación explicamos as 8 probas da Gynkana
1. Facer un mandil.
2. Facer un gorro-chef.
3. Levar un ovo cunha culler.
4. Facer un ovo recheo.
5. Coller unha mazá coa boca.
6. Pelar a mazá sen que rompa a monda e preparar un plato de froitas.
7. Adiviñar os alimentos colocados dentro dunha caixa.
8. Facer un sanwich con formas creativas.
Cada equipo tiña un carné onde pegaban unhas estrelas ao superar as probas.
Despois merendamos todos xuntos e fixemos sorteo de agasallos para despedir a xornada. 
Podedes ver a galería de fotos premendo na imaxe.

Dende o Equipo de mestres felicitar ás familias que participáchedes: pola vosa creatividade e esforzo nas actividades propostas e por adicar tempo á familia. Grazas tamén ás axudantes-voluntarias de Biblioteca que coceron os ovos para as probas no tempo de lecer esa mesma mañá.


luns, 22 de outubro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS EN INFANTIL

Alumnado de 6º de Ed. Primaria baixou hoxe á aula de 4º de Ed. Infantil para axudarlles a facer os seus "marcalibros" con material de refugallo. Na próxima sesión de biblioteca ensinaralles como utilizalos na biblioteca e así recordar onde teñen que colocar os libros que collen.





domingo, 21 de outubro de 2018

PROGRAMA DA XORNADA DE PORTAS ABERTAS 2018


O día 25 de Outubro celebramos na biblioteca a Xornada de Portas Abertas 2018. 
O programa deste ano estará relacionado co PDI A que sabe o mundo? 
1. Presentación ás 17 h. dos proxectos do centro na biblioteca.
2. "Gynkana Bibliochef". Concurso por parellas ou equipos familiares nos que os participantes terán que pasar por diferentes probas para conseguir o carné de bibliochef.
3. Degustación dos platos creativos.
4. Sorteo de agasallos entre os participantes.

xoves, 18 de outubro de 2018

SPACE MAKER CON 3º

Continuamos as sesións de SPACE MAKER iniciadas o curso pasado con xogos de Lego e o Efecto Mariposa nos cursos de 3º de Educación Primaria. Entusiasmados e emocionados de inventar, crear, construir... mil cousas que poden facer os nosos alumnos e alumnas. 

mércores, 17 de outubro de 2018

SELECCIONADOS PARA O PROGRAMA "BIBLIOTECA CREATIVA"

A principios deste novo curso, o noso centro solicitou participar na nova convocatoria que fai a Consellería de Educación e a Asesoría de Bibliotecas de Galicia do Programa "Biblioteca creativa". 
O traballo levado a cabo nos últimos cursos e a alta actividade da nosa biblioteca vese de novo premiada ao ser seleccionados. Este venres comezamos cunha sesión de formación para o profesorado en Santiago de Compostela. Esperamos ofrecer deste xeito máis actividades novidosas e motivadoras para o noso alumnado.

NOVOS PROGRAMAS DE RADIO


Comezamos de novo cos programas na nosa radio escolar, RADIO V.I. Este ano ademais de continuar cos programas xa editados e subidos ao noso canal en IVOOX, todo o centro vai preparar gravacións relacionadas co Proxecto Documental Integrado A que sabe o mundo? e logo o alumnado de 6º será o encargado de editar, gravar e publicar un programa especial. Estade moi atentos as novas que iremos anunciando.

martes, 16 de outubro de 2018

Obras de teatro, Kamishibai e teatro de sombras.

O día 5 de Outubro os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria actuaron na biblioteca para o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria. Uns equipos fixeron teatro de sombras, outros Kamishibai e os últimos actuaron cunhas pequenas obras creadas por eles. 
Podedes ver os vídeos no seu blog de aula Conecta Cuarto.